Juan Ares (1978) nace en Boiro, poboación costeira de Galicia (España).
Se diploma na USC en estudos sociais (1999) e posteriormente cursa posgrao na Coruña (2000).
Finalizada a súa etapa universitaria, redirecciona a súa carreira profesional e persoal, decidindo proxectar e consolidar as súas inquietudes creativas.
Gradúase na EASD Mestre Mateo de Santiago de Compostela (2005).
Desenvolve os seus primeiros anos de actividade profesional na área de arquitectura e interiorismo, deseñando e executando proxectos de índole comercial e residencial. No ano 2006, crea o seu propio estudo.
A súa evolución profesional progresiva, sitúao na esfera do deseño de produto e mobiliario. Edita os seus primeiros traballos a finais do 2011, singularizados polas súas referencias conceptuais co mar e o seu ámbito.
No ano 2012, é invitado a participar no I Encontro Internacional de Economía e Cultura, celebrado en Santiago de Compostela (Cidade da Cultura de Galicia). No devandito encontro profesional, o seu proxecto "Rias Baixas, Prototypes" foi destacado como unha das propostas máis ilustrativas de establecer alianzas entre o tecido empresarial e o mundo do deseño, innovación e reciclaxe.
Ese mesmo ano, un xurado profesional selecciónao para participar no SALON NUDE 2012 (Feira Internacional do Moble de Valencia), imprescindible cita anual entre destacados deseñadores noveis, escolas de deseño e empresarios.
A principios do 2013, crea a firma de mobiliario conceptual Juan Ares Design Lab.
Ese mesmo ano, é invitado a participar e expoñer dito proxecto emprendedor no I FORO "ISAAC DÍAZ PARDO" EMPRESA E CULTURA, celebrado en Santiago de Compostela, onde se presentaron experiencias empresariais, nacionais e internacionais, que basean o desenvolvemento dos seus produtos en elementos da tradición e a cultura.
As súas creacións reciben recoñecemento e acollida en prensa especializada, e son requiridas para ser expostas en certames especializados de deseño, tanto no panorama nacional como internacional.
Sempre en continua evolución e en constante experimentación.